luns, 27 de maio de 2024

 


O
Día das Letras Galegas 2024 dedícase  a
 Luísa Villalta Gómez (A Coruña 1957-2004), unha figura singular e comprometida no mundo das letras. Luísa foi unha gran escritora,  recoñecida sobre todo pola súa poesía, pero  publicou tamén libros moi interesantes noutros xéneros literarios, coma o  teatro,  a novela, o ensaio... Ela era unha polígrafa das letras  que escribiu para elas, as mulleres que nacen para formarse, progresar e vivir a súa propia vida. Pero tamén escribía para eles, para os homes e as mulleres do futuro, adiantándose aos tempos que lle tocou vivir. Nos seus versos invita á rebeldía en prol das causas xustas. Nas súas colunas é crítica con todo o que acontece ao noso redor; unha visionaria que se anticipa  aos feitos e dá conta da situación de Palestina, da fractura social, da urbanización desmesurada que empeora a nosa calidade de vida, da contaminación... 
Colaborou coas accións da plataforma "Nunca Máis", xurdida tras o desastre ecolóxico provocado polo afundimento  do Prestixe, o que provocou o vertido tóxico do petróleo nas nosas costas. Ela dicía sempre: "Hai que coidar o planeta", "Hai que coidar a nosa terra". Luísa era unha muller moi sensible, cunha gran capacidade para achegarse ás persoas,  unha mestra que adoraba ao seu alumnado, ao que lle inculcaba o valor e a importancia da lectura. Animábaos a ler, para saber do pasado e protexer o futuro,  e tamén os animaba a escribir, xa que a escritura é unha forma de creación na que imaxinamos os nosos soños. 
"Luísa foise pero temos os seus pensamentos nos seus libros e neles podemos sentir a muller implicada, a valente, a escritora, violinista, profesora, pero sobre todo podemos sentir a unha muller boa". 
A todos e a todas:
"Feliz Día das Letras Galegas"
Neste cartel recollemos o programa das actividades que se levarán a cabo no noso centro e que durante a Semana das Letras nos permiten lembrar a esta escritora e traballar cos seus textos, a fin de saber máis da súa vida e da súa obra. Rematamos o xoves, 16 de maio, no salón de actos do colexio, onde se desenvolverá un programa de radio que se emitirá en directo nas ondas de Radio Lalín ese mesmo día. Logo continuaremos cun recital poético no que colabora alumnado de Educación Primaria  e como colofón, terá lugar un gran espectáculo de maxia a cargo do noso compañeiro, Manuel Carbón. Para finalizar todos interpretamos en lingua de signos a canción, "Chea de Vida" de Guadi Galego.
Compartimos nesta entrada do blog, os traballos do alumnado e outros recursos que che axudarán para afondar máis  na figura da escritora homenaxeada das Letras Galegas deste ano,  Luísa Villalta.
Este é o mural das Letras Galegas realizado polo alumnado de Ed. Infantil e 1º, 2º e 3º curso de EP.

Marcapáxinas do Día das Letras realizado por todo o alumnado do centro
Biografía de Luísa Villalta sobre os textos do "Seminario Galán"
 Traballo realizado polo alumnado de 3º ciclo de EP  
Biografía compartida polo alumnado de 4º curso para os máis pequenos,
sobre o libro de Susana Villalta, "Luísa Villalta, a nosa estrela"  

👉Enlace ao programa de Radio Lalín: "Luísa Villalta, a nosa estrela".
Algunhas fotos da celebración do Día das Letras Galegas
Recital de poesía

Ningún comentario:

Publicar un comentario

DÍA DAS ESCRITORAS

H oxe día 17 de outubro de 2024, para conmemorar o días das escritoras, visitounos Mª Carmen Ruzo ,  e deleitounos con historias do seu libr...