DÍA DE ROSALÍA
O 23 de febreiro celébrase o aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, a nosa poeta por excelencia. Nos seus poemas percibimos o amor da escritora polos elementos da natureza e polas súas paisaxes. Rosalía de Castro é unha figura fundamental para a lingua e a cultura galega. E esta é unha data especial, na que a sociedade galega se contempla a si mesma para entenderse e recoñecerse e para festexar a propia identidade. Os versos e as palabras de Rosalía son esixentes e requiren da nosa lectura profunda, da nosa escoita e da nosa mirada atenta. A súa obra, a súa vida, o seu padecemento, o seu ollar, o seu sentir, son a alma enteira da nosa Terra. Os versos rosalianos semellan andoriñas viaxeiras de eterno retorno, son verdadeiros cantos de esperanza. Son moitos os poemas nos que Rosalía manifesta un fondo compromiso con Galicia, cos galegos e as galegas, coa lingua, coa cultura e tamén co medio ambiente.
Rosalía de Castro é unha muller que marcou historia en Galicia e no mundo enteiro, unha das escritoras máis importantes. A súa expresividade e a súa forma de contar o día a día coa súa poesía, converteuna nun símbolo da Nosa Terra. Por iso é a galega máis querida e máis importante da nosa historia.
Para festexar esta día, o alumnado de Educación Infantil e Educación Primaria do CEIP Xoaquín Loriga preparou unha curta sobre a vida e obra literaria desta grande escritora sobre o libro "Rosalía", escrito por Helena Villar Janeiro.
Seguro que xa sabes moitas cousas da nosa homenaxeada así que anímate con este "Genially" e descubre á Rosalía que os nenos e nanas deste colexio che queren mostrar.
Seguindo o exemplo de Rosalía, é fácil comprender que a indiferenza a todo o que acontece ao noso redor non é a mellor resposta. A natureza merece ser oída e todos nós debemos escoitar as súas chamadas de auxilio. No CEIP Xoaquín Loriga asinamos ese compromiso co medio que nos rodea, de amor a Galicia e respecto á nosa cultura e á nosa lingua. E que mellor maneira de facelo que lendo algúns dos seus poemas e cantando a Alborada, todos xuntos na biblioteca do centro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario